EDNL

Dende o Equipo de Dinamización de Lingua Galega, queremos achegar a toda a comunidade educativa recursos, novas, actividades ou iniciativas para promover o uso da nosa lingua. 

 



ATENCIÓN, NENAS E NENOS E FAMILIAS!!!

Gustaríame partillar con vós este artigo, onde un profesor de New York, si, si de Estados Unidos, comezou a aprender galego, porque lle encanta a nosa lingua... e a ti? 






MADE IN GALIZA


Familias, recoméndovos este libro de Sechu Sende. Hai moito que o lin, e gustoume tanto que llo recomendo a todo o mundo.
 

Made in Galiza é unha obra literaria de Séchu Sende, publicada en maio de 2007. Recibiu o Premios Ánxel Casal da Edición da Asociación Galega de Editoras dese ano.

O libro está dividido en 42 capítulos, e trata aspectos sociolingüísticos contemporáneos da lingua galega, e outros temas como a ecoloxía ou o sentido da vida.

En 2023 foi levado ao teatro por Sarabela Teatro
 
 
Déixovos aqui un capítulo que a min me encanta, e no que a protagonista é unha nena que se fai moitas preguntas. 
 
Clara

Teño un ano e poucos días e cando escoito Clara, presto atención.

Escoito ás persoas que viven nesta casa e aprendo cousas todos os días. Mamá ten outro nome que é Laura e, cando mamá chama por Tomás sei que ese é papá. De vez en cando veñen outros persoas á casa, e as que teñen engurras nos ollos e sempre están rindo son avó e avoa. Tamén está Rula, que é pequeniña e vive dentro dunha gaiola.

Sei que estou nunha idade complicada porque o día menos pensado teño que comezar a falar, que é algo que non se fai todos os días. Falar facilita moito as cousas. Cando saiba falar por fin van saber que se choro de noite non sempre é porque teña sede ou me doia a barriga, porque ás veces soño cousas que non entendo. As cousas que non entendo son moitas aínda que hai unha que me preocupa especialmente.

Nesta casa falan dunha forma moi estraña. A mamá, a papá e aos avós cando están comendo, por exemplo, escóitolles palabras como Sopa, Pásame o pan, Un pouco de sal ou Biscoito. Eu poño o oído e escoito e vou aprendendo.

Rula é unha persoa diferente, fala dunha maneira que se chama cantar ou asubiar, que llo escoito a mamá: Que ben canta Rula, ou Asubía un pouquiño, Ruliña. Antes cando estaba soa ás veces intentaba falar como Rula, pero nunca sabía o que quería dicir. Como Rula só sei dicir ffffi ou ffffu.

Aínda que ese non é o problema, porque realmente ninguén fala como Rula nesta casa. Mamá dille de cando en vez cousas lindas: A ver, bonitiña, aquí che traio alpiste; mais dillo como fala mamá, sen ruídos raros.

O problema é que de escoitar falar a mamá, papá e os avós eu xa sei polo menos cen palabras como Peido, Pis, A nena ten fame, Xa é de noite, Esta nena é moi tranquila e moi lista, Vai chover e cousas así. Eu escoito e gardo esas palabras para min e repítoas por dentro. Hai moitas palabras que escoito que aínda non comprendo como Quilómetro, Enciclopedia ou Empanada de xoubas.

O problema que teño é que, por exemplo, mamá cando fala de min con papá di A nena está esperta e de repente vén onda min e dime: Ay mi niña, que ya despertó, despertastes, Clara? E eu sei que clara son eu, mais aínda non sei por que me chama Mi niña se eu son A súa nena. Papá fai o mesmo, está falando coa avoa e di A nena debe de ter fame e vén e dime Clara, cosita, tienes hambre? E eu abro moito os ollos, intentando comprender que pasa aquí.

É unha situación estraña que se repite continuamente. Entre eles non, mais comigo cambian de forma de falar.

E agora estou nun dilema porque penso que están esperando a que eu me poña a falar un día destes. Eu xa sei dicir Ma-má en segredo. Dígoo cando estou soa porque quero practicar e teño medo de que cando o vaia dicir por primeira vez me saia mal. Mais o meu dilema é que non sei se botar a falar como falan meus pais cando falan entre eles e con meus avós ou se poñerme a falar desa outra maneira en que me falan a min.

Rula polo menos sempre fala igual.

Eu é que a meus pais non os acabo de entender. De momento vou esperar un pouco, a ver se se aclaran. Aínda que, se non queren que fale coma eles, as súas razóns terán. Digo eu...


 
 
 
 



 NESTE NADAL... MÁIS GALEGO CA NUNCA


Aproveita estas vacacións para usar e querer a túa lingua. Canta en galego, le en galego e xoga en galego. Goza de películas series, e audiovisuais na túa lingua. 

Aquí che deixo algúnhas páxinas moi interesantes. Bótalles un ollo!!


CARTA AO APALPADOR

 UNIDADE DIDÁCTICA SOBRE O APALPADOR

 


 

PIPOCAS, un catálogo que recolle tódolos títulos de series e películas dobrados ao galego.

 


 No CATÁLOGO DE NADAL podedes atopar agasallos para tódolos gustos. Non deixes de botarlle unha ollada.

 


 

 

MÁIS  RECURSOS  EN GALEGO


 PÁXINA DA XUNTA DOS EQUIPOS DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA

 

MÚSICA EN GALEGO

 

XOGOS E BRINCADEIRAS PARA INFANTIL E PRIMARIA

 

ATLAS DE EUROPA EN PDF