Os nosos parabéns para o CEIP A LAMA polo seu traballo. Esta é unha moi boa ocasión para dar a coñecer o traballo que se está realizando dende os centros educativos. Nalgúns casos este traballo é tan bo que mereceu un recoñecemento a nivel nacional. Con tal motivo os que estamos preto e que levamos tempo vendo o que se esta a facer no CEIP A LAMA a través do seu blog O RECANTO DE LEO comprobamos que o traballo ben feito sempre é recoñecido.
Aquí vos deixo o texto íntegro que aparece na páxina da Consellería de Educación.
"O centro virtual LEER.ES, do Ministerio de Educación, vén de conceder os seus "selos de boas prácticas" correspondentes ao mes de xullo. Novamente, unha biblioteca escolar galega acada esta distinción que vén recoñecer un traballo ben feito no ámbito da lectura e a innovación educativa. O CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra) desenvolveu este ano un PDI (Proxecto Documental Integrado) arredor do tema da auga. Lectura, investigación, aprendizaxe significativa, metodoloxías adaptadas ao alumnado, ás formas de aprender na sociedade da información, relación co medio, comunicación, interdisciplinariedade... entusiasmo, profesionalidade e aproveitamento dos recursos culturais e do medio. Parabéns ao profesorado responsable deste proxecto e á biblioteca escolar que lle dá apoio e soporte a este tipo de actividades."