Arrincamos o día das Bibliotecas comenzado a decoración con motivos do PDI "PARA OLÍMPICXS, NÓS", e así de marabillosas quedaron. Curicuxa sempre pasa a visitalas, e sorpréndese da creatividade, imaxinación e traballo ben feito do noso alumnado e profesorado.
Queremos compartir o resultado con toda a comunidade educativa, e aquí vos deixamos o vídeo que preparamos.
O 3 de decembro é o Día internacional das persoas con discapacidade.
Xa hai camiño recorrido dende que en 1962 Ed Roberts foi quen de
matricularse na Universidade de California (Berkley) e iniciou a súa
loita por acadar unha vida independente para as persoas con discapacidade. Trinta anos despois (en 1992) a Asamblea xeral de Nacións Unidas recoñecía o 3 de decembro como o Día internacional das persoas con discapacidade.
Pero aínda queda camiño por recorrer. Aínda existen desafíos e barreiras
que as persoas con discapacidade afrontan todos os días. A inclusión, a participación e a
cooperación son fundamentais para non deixar a ninguén atrás.
Aquí vos deixamos algúns vídeos de animación, na que nos ofrecen diferentes historias de inclusión e superación.
"Mi hermano Luca"
"Por cuatro esquinitas de nada"
"El cazo de Lorenzo"
"Cuerdas"
"Tamara"
Ademais das curtametraxes, queremos compartir algo de música con vós.
Esta canción gústanos moito para a "Hora de ler", e estamos aprendendo a signar a parte do retrouxo.
O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
conmemórase anualmente o 25 de novembro para denunciar a violencia
que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas
en todos os países para a súa erradicación.
A convocatoria foi
iniciada polo movemento feminista latinoamericano en 1981, en
conmemoración da data na que foron asasinadas, en 1960,as tres irmás
*Mirabal \(Patria, *Minerva e María Teresa\), na República
Dominicana.
Este ano no colexio decidimos unirnos ao proxecto "Zapatos
vermellos",da artista mexicana Elina Chauvet. O venres 24 de
novembro encheremos a praza da nosa vila de zapatillas deportivas
vermellas co lema é "A nosa meta é cero vítimas",
relacionando a conmemoración coa temática do noso PDI.
Aquí podedes atopar algún material e recursos para traballar na aula.
No Día
Mundial da Infancia celebramos os avances conseguidos, pero sobre
todo é un día para chamar a atención sobre a situación das nenas
e nenos máis desfavorecidos, dar a coñecer os dereitos da
infancia e concienciar ás persoas da importancia de
traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.
Cando se celebra o Día Mundial da
Infancia?
Nacións Unidas celebra o Día Mundial da Infancia o 20 de
novembro, data na que a Asemblea Xeral da ONU aprobou a Declaración
dos Dereitos do Neno en 1959 . Esta declaración, que non tiña
legalmente carácter vinculante, non era suficiente para protexer os
dereitos da infancia. Tras dez anos de negociacións con gobernos de
todo o mundo, líderes relixiosos, ONG, e outras institucións,
logrouse acordar o texto final da Convención
sobre os Dereitos do Neno, o 20 de novembro de 1989,
cuxo cumprimento é obrigatorio para todos os países que o asinaron.
O obxectivo do Día do Neno é lembrar á cidadanía que os nenos
e nenas son o colectivo máis vulnerable e, por tanto, o que máis
sofre as crises e os problemas do mundo.
Que se celebra?
A Asemblea Xeral da ONU recomendou en 1954 destinar un día
a fomentar a fraternidade entre os
nenos e as nenas do mundo, e promover o seu benestar con
actividades sociais e culturais.
Nacións Unidas celebra este Día Mundial da Infancia en honra á
aprobación da Declaración dos Dereitos do Neno en 1959 e á
Convención sobre os Dereitos do Neno en 1989, o tratado
internacional máis ratificado da historia.
Para que serve o Día Mundial da
Infancia?
Este día mundial lembra que todos os nenos e
nenas teñen dereito á saúde, a educación e a
protección, independentemente do lugar do mundo no que
nazan.
Dedicar un día mundial á infancia tamén serve para facer un
chamamento mundial sobre as necesidades dos máis pequenos e para
recoñecer o labor das persoas que cada día traballan para que as
nenos e nenos teñan un futuro mellor.
Chega o magosto, unha festa tradicional da nosa terra, que ten unha protagonista "estrela"... a castaña!
Celebrámolo no outono, e este ano teremos no cole moitas actividades, xogos, cantigas, poemas, adiviñas, e moito máis, para coñecer mellor esta festa, e tamen para vivila coas compañeiras, compañeiros e o profesorado.
Asaremos castañas, e teremos a dúas castañeiras moi especiais que virán repartilas entre o alumnado. Será unha sorpresa!
Ímolo pasar moi, moi ben!
RECURSOS PARA O MAGOSTO
Se premedes na seguinte imaxe teredes acceso a un cartafol compartido con recursos e materiais para traballar no Magosto.
Hoxe, 24 de outubro, celebramos o Día das Bibliotecas. Este ano o lema é "Tecendo comunidade". Dende o noso colexio queremos colaborar no tecido de redes entre familias, nenas e nenos, mestras e mestres, e outras persoas da comunidade educativa, e por iso comezamos a abrir a nosa Biblioteca polas tardes, durante as gardas do profesorado.
Agardamos que sexades moitas as persoas que visitedes a nosa Biblioteca, un espazo cheo de historias, aventuras, emocións, coñecemento e ilusión, no que os soños medran da man da nosa mascota, Curicuxa.
Polos corredores do noso colexio xa podemos ver algúns libros relacionados co PDI deste ano: "ParaOlímpicxs, nós".
Curicuxa, a nosa mascota da Biblio, puxo o cole patas para arriba este verán, porque estivo á procura de canto libro, conto, revista podía atopar, que tiveran relación co mundo do deporte.
Tamén aproveitou as vacacións para visitar librarías da contorna buscando novos títulos para traer á escola. Mercou algúns exemplares que en breve ocuparán o seu sitio nos estantes do corredor, que aínda locen un pouquiño baleiros.
Así que xa sabedes... agora tócavos a vós abrir eses libros e enchouparvos de aventuras deportivas, percorrer as cidades olímpicas e parolímpicas, coñecer as mascotas dos Xogos, entrenar o voso cerebro coa lectura e moito máis!!
E de seguro que Curicuxa Olímpica vai traer algunha sorpresiña!
Xa temos o noso recanto de "Lecturas terroríficas de outono" , con títulos nos que podemos atopar vampiros, bruxas, esqueletos e monstros. Animádevos e levádeos para clase!
"Ler historias de medo permítelles ás crianzas explorar e comprender as súas propias reaccións de medo nun entorno no que poden controlar ao seu ritmo. Isto resulta moi importante para que sintan que controlan a situación e para que a lectura sexa unha experiencia divertida e gratificante."
Nestas ligazóns podedes atopar material sobre o Samaín.
Comezamos este curso con moita ilusión, desexando reencontrarnos coas nosas compañeiras e compañeiros para compartir sorrisos e xogos, nas aulas e nos patios.
Este curso Curicuxa preparounos unha sorpresa: adicaremos o PDI aos xogos (Para)Olímpicos!! Hai xa catro anos non puidemos rematar este proxecto por mor da pandemia, así que este ano ímolo retomar con moitísimas ganas. Cambiamos Tokio por París, pero seguimos co mesmo espíritu deportivo, dispostxs a ser expertas e expertos neste tema tan interesante.
O lema é "ParaOlímpicxs, nós!" A que vos gusta moito? Ademais, Curicuxa agasallounos cunha medalla olímpica coa imaxe que vedes aquí enriba. Chulísima!!
Pois deste xeito tan deportivo comezamos, saíndo cara a meta que nos conducirá a novas aventuras.
Tódalas nenas e nenos teñen dereito a medrar en familia. Hoxe en día nas nosas aulas contamos cunha diversidade familiar moi ampla: familias tradicionais, monoparentais, homoparentais, adoptivas, acolledoras, reconstituídas, etc. E temos a responsabilidade de darlles cabida a todas e facer que o noso alumnado se sinta incluído, independentemente do modelo familiar ao que pertenzan.
O día internacional da familia xorde da conmemoración do ano internacional da familia, que foi proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1994.
No noso cole adicamos adicamos este mes ás familias, e contamos coa súa colaboración para realizar diferentes actividades con elas.
Aquí tedes as actividades da vindeira semana.
Grazas, familias!!
Aquí vos deixamos algúns contos coas familias como protagonistas.
E aquí tedes un fermoso conto para escoitar : "A MELLOR FAMILIA DO MUNDO".