O Portal Educativo publica hoxe, co gallo da celebración do Día Mundial do Libro, a Resolución
da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 23 de abril de
2015, pola que se recoñece o autor galego máis lido polos clubs de
lectura do ámbito educativo no curso precedente, galardón que se entregará nesta ocasión a Agustín Fernández Paz, no transcurso da que será a VIII Xornada dos Clubs de Lectura, que terá lugar o próximo 5 de xuño en Santiago de Compostela.
Profesoras e profesores que coordinan estes clubs de lectura nos centros
de ensino secundario e postobrigatorio, amosaron o seu interese por
recoñecer a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á
construción dos lectores. Uns creadores comprometidos coa lingua que
achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á
extensión da lectura en galego. Establécese así o Premio dos Clubs de
Lectura que, cada ano, outorgarase ao autor ou á autora de obra en
galego que resultase seleccionado polo maior número de clubs de lectura no curso precedente.
Na VIII Xornada dos Clubs de Lectura, Agustín Fernández Paz recibirá a
homenaxe do profesorado asistente e, por el representados, de todos os
lectores e lectoras participantes nos clubs de lectura dos centros de
ensino secundario de Galicia.
Curiosamene no clube de lectura do noso centro tamén estamos a ler unha das sáus obras "No corazón do bosque". Noraboa por este novo recoñecemento.