Cada ano adicamos o día do libro a unha obra ou a un autor/a e este ano escollemos a Roald Dahl.
Ao longo do segundo e terceiro trimestre lemos algúns títulos deste autor como "Agu Trot", "Súper Raposo", "Matilda", "As Bruxas" e "Contos en verso para nenos perversos".
Durante esta semana poderemos ver algunhas adaptacións das súas obras ao cine. Aínda que os alumnos de 6º de Ed. Primaria realizaron un moi bo traballo adaptando dous contos de Roald Dahl (do libro "Contos en verso para nenos perversos"), o luns presentaron ao alumnado de Ed. Infantil e 1º de Ed. Primaria estas adaptacións empregando un teatriño chamado kamishibai. Esta forma de contar historias, de orixe xaponesa, data do século XII e combina imaxes e texto.
O alumnado de primaria poderá ver adaptacións de "As bruxas", "Matilda" ou "James e o pexego xigante".
ROALD DAHL
Naceu no ano 1916 no País de Gales (Reino Unido). Sendo aínda neno quedou orfo do seu pai e estivo interno nunha escola. Estas circunstancias aparecen reflectidas nas súas obras. Con 17 anos comeza a traballar para unha compañía petrolífera e con 21 marcha a Tanganika (África), onde residirá ata o ano 1939. Cando comeza a 2ª Guerra Mundial forma parte da forza aérea Británica, sendo derrubado en varias ocasións. Nesta época comeza a publicar relatos curtos. En 1943 publica o seu primeiro libro para nenos ("Los Gremlins).
Acada fama internacional coa colección de relatos titulada "Someone like you" (1953).. A partir destes relatos chegarán os seus maiores éxitos: "Charlie e a fábrica de chocolate", "O dedo máxico", "O superraposo", "A marabillosa menciña de Xurxo", "Matilda", "Contos en verso para nenos perversos", "As bruxas", "Agu Trot", "Os Mimpins",... Tamén escribiu obras "para adultos" (aínda que para min os libros non son nin para nenos nin para maiores, son para lelos, para disfrutalos, para rir, para chorar, para aprender, imaxinar,....) coma "Mi tío Oswald".
Roald Dahl tamén realizou guións ou adaptacións para o cine como por exemplo unha das entregas de James Bond o axente 007 ("Só se vive dúas veces"), a adaptación da súa obra "Os Gremlins", ou da obra de Ian Flemming "Chitty Chitty Bang Bang".
Morreu no ano 1990 aos 74 anos en Oxford (Inglaterra).